Neste ano especialmente complicado para todos e todas, cavilamos moito sobre a posibilidade de poñer en marcha ou non a campaña.
Por unha banda, nos preocupaba a seguridade de todas as persoas implicadas: nenos, nenas, adolescentes, familias participantes e complices. O ano pasado pasaron preto de 1200 persoas pola nosa oficina para entregar cartas, e entregar e recoller agasallos. Todo ese fluxo producíase en espazos pequenos e nun periodo curto de tempo (decembro e primeiros días de xaneiro).
Pero, por outra, somos ben coñecedores de que as situacións de necesidade incrementaronse de xeito preocupante nos últimos meses, e que moitas familias con nenos, nenas e adolescentes se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade.
Co obxectivo de que ningún neno, nena ou adolescente de Pontevedra quedase sin agasallo na noite de reis, decidimos iniciar a campaña cunhas medidas de seguridade especiais e acordes coa delicada situación que estamos a vivir:
1º. Evitamos que as familias acudan ao noso servizo a entregar as cartas presencialmente. Deste xeito recibiremos a inmensa maioría dos desexos dos rapaces e rapazas a través do whatsapp.
2º. Comezamos a campaña con moita antelación. Temos previsto recibir as cartas ao longo do mes de novembro, e envialas aos cómplices a medida que vaian chegando.
3º. Remitiremos aos cómplices tódalas cartas vía whatsapp, evitando a entrega presencial
4º. Espaciaremos a entrega dos agasallos por parte dos cómplices. Para evitar as aglomeracións e as colas en espazos reducidos. Deste xeito, os cómplices irán recibindo as súas cartas de xeito gradual, para que a entrega sexa tamén progresiva.
5º. Os agasallos pasarán un tempo de cuarentena entre a entrega por parte do cómplice e a recepción por parte da familia.
6º. Todas as persoas implicadas cumplirán as medidas de seguridade e hixiene (uso de mascarillas, xeles, desinfección de espazos, distancia, …)
7º. A entrega dos agasallos será gradual e durante varios días para evitar aglomeracións e colas.
8º. Cumprimento de tódalas medidas non incluídas neste listado pero indicadas polas autoridades públicas competentes.
9º. Tentaremos flexibilizar estas medidas e adaptalas a situación cambiante e particular de todas as persoas implicadas.
10º. Faremos fincapé na compra dos agasallos, sempre que se adapte as demandas dos nenos, nenas e adolescentes, no comercio local.
Deste xeito, neste nadal tentaremos chegar a tódolos nenos, nenas e adolescentes en dificultade social de Pontevedra para que poidan ter un agasallo na noite de reis.
Neste enlace, podedes incluir os vosos datos para participar na campaña.
Graciñas pola colaboración